venres, 26 de xuño de 2015

O TEMPO E O REFRANEIRO POPULAR GALEGO

No transcurso da 2ª avaliación, na materia de Lingua Galega, fíxose unha actividade de recollida de ditos e refráns populares relacionados co tempo, o clima, coas estacións, coas costumes asociadas a cada mes,...
Recolléronse moitísimos pero aquí vamos a seleccionar os máis orixinais e diferentes:


  • Por San Blas, hora e media máis. (Rama Caamaño, Saray)
  • Por Santa Lucía, sácalle á noite e mételle ao día. (Rama Caamaño, Saray)
  • Choverá hoxe? Á noite dígocho. (Rama Caamaño, Saray)
  • Nadal enxoito, nin poucos nin moitos. (Muíño Domínguez, Silvia)
  • En abril, augas mil. (Muíño Domínguez, Silvia)
  • Cando chove e quenta o sol, anda o demo por Ferrol cun saquiño de alfileres para espetarlle no cu ás mulleres. (Suárez Pardiñas, Sara)
  • Cando Marzo ven quente, anda o demo no dente. (Suárez Pardiñas, Sara)
  • Ano seco tras mollado garda a lá e vende o fiado. (Costa Blanco, Eloy Manuel)
  • Brúa alba, tempo en calma. (Costa Blanco, Eloy Manuel)
  • Cando de Torrente zoa, metade do inverno xa vai fóra. (Costa Blanco, Eloy Manuel)
  • Lúa chea e mollada son dez días de augada. (Costa Blanco, Eloy Manuel)
  • Tronos con lúa nova, prepárense para que chova. (Costa Blanco, Eloy Manuel)
  • Ave de mar que busca madrigueira anuncia o temporal desta maneira. (Costa Blanco, Eloy Manuel)
  • As vacas que moito saltan vento traen e calma espantan. (Costa Blanco, Eloy Manuel)
  • Cando o ceo está de lan, se non chove hoxe choverá mañá. (Costa Blanco, Eloy Manuel)
  • Cando os burros moito ornean queren dicir que as varas abanean. (Costa Blanco, Eloy Manuel)
  • Marzo, marzal, pola mañá cara de rosa e pola tarde cara de can. (Negreira Danza, Alba)
  • En San Xoán a auga tolle o trigo e non da pan. (Suárez Tuñas, Noelia)
  • Para ter un bo alleiro hai que plantar en febreiro. (Suárez Tuñas, Noelia)
  • Por San Vicente planta os nabos da semente. (Suárez Tuñas, Noelia)
  • Ai, como chove! Ai, como trona! Aiii, como chora a tía Ramona. (Suárez Santos, Uxía)
  • Arco da vella, marcha de aí, que as nenas bonitas non han de ser para ti. (Suárez Santos, Uxía)
  • Xa nace o trigo, xa temos pan. Xa canta o cuco, xa temos verán. (Suárez Santos, Uxía)
  • Arco da vella ao poniente, deixa os bois e vente. Arco da vella ao saliente, fálalle aos bois para diante. (Suárez Casstiñeira, Marta)
  • Come máis unha xiada de febreiro ca todos os cabalos do reino. (González, Ismael)
  • A vella que soubo vivir gardou pan para maio e leña para abril. (González, Ismael)
  • Ano de moitos ourizos, non prepares o canizo. (González, Ismael)
  • O verán de San Martiño pode ser grande ou pequeniño. (Amigo Varela, Laura)
  • No vendaval a troita salta ao herbal e se cadra en Corme, a troita dorme. (Amigo Varela, Laura)
  • Ano que ata o nove de xaneiro neva moito, pan espera. (Rey Esperante, Silvia)
  • En non chovendo en Noiteboa, non hai sementeiro bo. (Rey Esperante, Silvia)
  • Chovendo o día de Santa Bibiana, chove corenta días e unha semana. (Rey Esperante, Silvia)
  • Xeo en cruz de maio sempre fai dano. (Rey Esperante, Silvia)
  • Cando ven a andoriña, o verán está enriba. (Rey Esperante, Silvia)

Ningún comentario:

Publicar un comentario